3/10/2009

Traballo celebra o Día Internacional da Muller cunha exposición na Coruña sobre a evolución das galegas no eido laboral

Con motivo da celebración do Día Internacional de Muller o vindeiro 8 de marzo, a Consellería de Traballo apoiou a organización dunha exposición fotográfica e audiovisual na que se busca mostrar o percorrido sociolóxico da evolución de Galicia a través dos cambios experimentados polas mulleres galegas.
Dende o venres 6 de marzo ás 11,30 horas, e ata o día 30 deste mesmo mes, a mostra (m)2 estará aberta ao público na Sala de Exposicións da Fundación Caixa Galicia na cidade da Coruña (Rúa Médico Rodríguez, nº 2-4).
Esta exposición está formada por 16 fotografías a tamaño natural (de 2 metros de altura) nas que se amosa a vida de 16 mulleres galegas (8 nais e cadansúa filla) dende a perspectiva de nais, de fillas e de mulleres traballadoras. Tamén se pretende reflectir a mensaxe que as nais transmitiron ás súas fillas ao longo da vida. Trátase dunha reflexión sobre a forza e o empuxe que propiciaron vidas diferentes para a seguinte xeración, xa con acceso á formación e a unha profesión ligada á migración das zonas rurais ás cidades.
Esta mostra complétase cunha peza audiovisual, realizada por Sandra Rey, na que as mulleres que conforman esta exposición poñen voz a súa fotografía.
Con este traballo preséntanse nais traballadoras do sector primario, como mariscadoras, redeiras ou traballadoras do sector da conserva, que contrastan coas posibilidades de formación e de acceso a outros empregos por parte das súas fillas, que desenvolven a súa actividade profesional como bombeiras, pilotos de aviación ou cirurxiás.
A apertura desta mostra enmárcase dentro dos actos de celebración do Día Internacional da Muller. Tamén representa unha mostra do compromiso do departamento laboral da Xunta de Galicia coa igualdade e o emprego das mulleres galegas.
Este proxecto contou co patrocinio da Consellería de Traballo e coa colaboración doutras entidades e empresas galegas que están comprometidas con este proxecto e co que significa.

No hay comentarios: