2/04/2008

Algunhas imaxes das nosas compañeiras intervindo nas I Xornadas de Formación "Igualdade e Democracia paritaria", celebradas en Lalín (Pontevedra).












A Lei de Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia, recentemente galardoada polos premios "Trámite Parlamentario" pode ser consultada na súa totalidade no seguinte enlace:

http://traballo.xunta.es/Lei_2007_2_Igualdade-ga.pdf

Non vos perdades o seu preámbulo, xa que é un texto sen desperdizo polos seus contidos e fundamentos profundamente feministas.




















A presidenta do Forum, Paloma Rodríguez, participou como poñente nas I Xornadas "Igualdade e democracia paritaria", celebradas en Lalín os días 12 e 13 de novembro de 2007. Interviu na mesa redonda adicada á paridade no ámbito local. Nestas xornadas contouse coa presencia tamén coma poñentes, das membras fundadoras do Forum María Debén e Rosa Cobo; esta última explicou os fundamentos teóricos dos conceptos de democracia e paridade. A conferencia de clausura estivo a cargo de Soledad Murillo.

2/02/2008

PREMIO Á LEI DO TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA. NORABOA Á CONSELLERÍA DE TRABALLO E A TÓDALAS MULLERES GALEGAS

Santiago, 31 de xaneiro de 2008.- A Consellería de Traballo vén de ser galardoada polos VI Premios Trámite Parlamentario no apartado correspondente ás Comunidades Autónomas no eido da promoción do Emprego. Este certame, que distingue as mellores iniciativas políticas de cada exercicio, seleccionou a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia como o mellor proxecto autonómico no ámbito laboral.

Os outros proxectos galardoados neste terreo foron un informe sobre a situación das mulleres con discapacidade na Unión Europea, no apartado de Parlamento Europeo; unha proposición non de lei sobre a discapacidade, autonomía persoal e situacións de dependencia, no apartado de Cortes Xerais; e un programa de integración sociolaboral de persoas con discapacidade do Concello de Pozuelo de Alarcón, no apartado de Corporacións Locais.

A Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia constitúe un ambicioso texto legal, pioneiro entre as CCAA, que ten por obxectivo conseguir que as traballadoras teñan as mesmas oportunidades que os seus compañeiros masculinos de forma real e efectiva. A Consellería de Traballo, baixo a dirección de Ricardo Varela, abordou esta normativa en permanente comunicación cos axentes sociais, laborais e económicos da Comunidade galega. O resultado é un texto consensuado no que se tiveron en conta as demandas de asociacións, así como consideracións dos sindicatos e organismos de representación empresarial e que suporá unha operación política que favorecerá o crecemento do noso país.

A Lei de Traballo en Igualdade das mulleres de Galicia establece a transversalidade no exercicio nas políticas de emprego e relacións laborais, que exercerá o departamento da Administración autonómica con competencias na área de traballo, coa colaboración co correspondente en materia de igualdade.

Trátase dun texto legal que afronta a desigualdade da muller no ámbito laboral de forma estrutural, de tal maneira que establece medidas para favorecer o seu acceso ao emprego en condicións de igualdade, a través dun plan de emprego feminino; crea unha unidade administrativa sobre igualdade dentro do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo; fomenta a promoción profesional da muller a través do impulso de plans de igualdade nas empresas e coa creación da Marca Galega de Excelencia en Igualdade; establece canles de participación das asociacións de mulleres nas políticas laborais; articula o seguimento da negociación colectiva, para evitar cláusulas discriminatorias; ten en conta de forma específica as necesidades de formación das desempregadas, e concretamente as dos sectores agrogandeiro e pesqueiro; e tamén fai fincapé na necesidade de fomentar a corresponsabilidade nos eidos laboral, persoal e familiar, co apoio á vertebración de plans de programación de tempo e de bancos de tempo nos distintos municipios.