7/25/2008

A XUNTA APROBA O DECRETO POLO QUE SE REGULA O CONSELLO GALEGO DE PARTICIPACIÓN DAS MULLERES NO ÁMBITO DO EMPREGO E AS RELACIÓNS LABORAIS

Entre as súas funcións están a de propor medidas relacionadas coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, elaborar estudos no eido do emprego e as relacións laborais e difundir os valores da igualdade para erradicar a discriminación

O pleno deste órgano estará composto por representantes da Xunta de Galicia, da Confederación de Empresarios de Galicia, dos sindicatos máis

representativos da comunidade e das asociacións de mulleres

O Consello fomentará a erradicación dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente ao embarazo, ao parto e á lactación natural

O decreto habilita unha liña de subvencións a empresas de ata o 50% do custo de adaptación dos postos de traballo para reducir os riscos para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou que estean en período de lactación

As subvencións poderán acadar o 75% cando a empresa non supere un volume de facturación de 600.000 euros anuais ou cando concorran especiais motivos de fomento do emprego feminino

O Consello da Xunta de Galicia deu hoxe luz verde ao decreto polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais. Este órgano, de carácter administrativo, consultivo e de participación, servirá para axilizar e intensificar o diálogo entre as representantes dos colectivos femininos e a Xunta de Galicia.

Entre as súas principais funcións, precisamente, está a interlocución coa Xunta de Galicia a través dos departamentos competentes en materia de traballo e de igualdade. Desde esta posición, o Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e das Relacións Laborais proporá a adopción de medidas relacionadas coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e elaborará estudos, informes ou consultas no seu eido de actuación.

Outro dos seus obxectivos primordiais será o de difundir os valores da igualdade de oportunidades e a defensa dos dereitos e intereses das mulleres para erradicar a discriminación no ámbito do emprego e das relacións laborais. A posta en marcha deste órgano responde á necesidade de crear as estruturas precisas para aplicar o principio de transversalidade de xénero en todas as políticas públicas.

Poderá solicitar a adhesión ao Consello Galego de Participación das Mulleres calquera asociación con implantación no ámbito galego, legalmente constituída e representativa dos intereses das mulleres. Os seus estatutos deben recoller, tamén, que entre os seus principais cometidos se atope a consecución da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a erradicación de toda discriminación por razón de sexo no eido do emprego e as relacións laborais.

Órganos de funcionamento

O Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do Emprego e as Relacións Laborais terá unha presidencia, unha vicepresidencia e un pleno, ademais dunha comisión permanente e outras comisións. A presidencia do órgano corresponderalle á persoa titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de traballo, ou á persoa en que delegue. Unha das súas funcións específicas será a de representar institucionalmente o consello. Pola súa banda a Vicepresidencia recaerá na persoa que represente a titularidade do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de igualdade.

O pleno, pola súa banda, estará composto pola Presidencia e a Vicepresidencia e por seis mulleres representantes dos departamentos da Administración autonómica competentes en materia de traballo e igualdade, seis mulleres dos sindicatos más representativos da comunidade autónoma, seis representantes das Confederación de Empresarios de Galicia e dúas mulleres representantes de cada unha das asociacións adheridas ao consello. O nivel de representatividade será do 25% para cada unha das catro partes presentes no pleno.

Medidas para a integración da igualdade nas políticas preventivas

Entre as medidas concretas que recolle o decreto polo que se regula o Consello Galego de Participación das Mulleres está a de fomentar a erradicación, na súa orixe, dos riscos derivados das condicións de traballo que poidan afectar negativamente o embarazo, o parto e a lactación natural.

Para isto, o departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo fomentará a formación, a información e a sensibilización das empresas e das traballadoras e traballadores. Con idéntica finalidade subvencionará o custo empresarial de adaptación dos postos de traballo con riscos para as traballadoras embarazadas, que teñan dado a luz ou que estean en período de lactación, cando esa adaptación os elimine totalmente ou os reduza de maneira significativa.

O importe das subvención poderá ser de ata o 50% do custo empresarial total e poderá chegar ao 75% cando a empresa non supere un volume de negocios en contía de 600.000 euros brutos anuais, ou cando concorran especiais motivos de fomento do emprego feminino.

No hay comentarios: