8/26/2008

A XUNTA APROBA O DECRETO QUE REGULA OS BANCOS DE TEMPO E OS PLANS DE PROGRAMACIÓN DO TEMPO DA CIDADE PARA PROPICIAR A CONCILIACIÓN

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o decreto que establece a promoción autonómica das medidas municipais para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Tal e como se recolle na Lei do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, o obxectivo final desta iniciativa é acadar a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

Neste sentido, un dos aspectos máis innovadores é o establecemento dos bancos de tempo e dos plans de programación do tempo da cidade, medidas que xestionarán os concellos coa colaboración da Xunta de Galicia. A súa función será contribuír á mellora da conciliación de vida familiar e laboral.

Estas iniciativas nutriranse de redes comunitarias de apoio á conciliación ou, en casos excepcionais, de persoal municipal ou contratado para o efecto. Entre os seus cometidos prioritarios estará o de facilitar o descanso de quen coida persoas dependentes.

Bancos de tempo

Os bancos de tempo facilitaranlles ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, laboral e familiar. As súas prestacións articularanse a través dun sistema de intercambio destinado a subministrar servizos e coñecementos entre as persoas dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.

Para o seu funcionamento elaborarase e xestionarase unha base de datos co fin de arquivar e actualizar os datos das persoas asociadas. Tamén se levará un rexistro en que se recolla toda a información necesaria (enderezo, tempos dispoñibles, actividade que se demanda e actividade que se oferta) para realizar os intercambios e avaliar a súa

efectividade. Os servizos ofertados e demandados estarán relacionados, entre outros posibles, coas seguintes actividades:

Realización de tarefas relacionadas co manexo das novas tecnoloxías

Axuda coas tarefas escolares.

Realización de tarefas domésticas ou das relacionadas coa subministración doméstica ou reparacións domésticas.

Axuda para a realización de xestións de índole administrativa.

Acompañamento en actividades relacionadas co tempo de lecer.

Plans de programación do tempo da cidade

A súa función será coordinar os horarios da cidade coas exixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía. Para iso estableceranse mecanismos que proporcionen a coordinación dos horarios de apertura e peche de oficinas públicas, comercios, e servizos públicos ou privados con atención ao público, incluíndo actividades culturais, bibliotecas, espectáculos e transportes.

Tamén se constituirá a Mesa de Concertación do Plan de Programación do Tempo da Cidade. Neste organismo participarán, como mínimo, as administracións públicas, as asociacións de mulleres, as asociacións de consumidores e usuarios, os sindicatos máis representativos, as asociacións empresariais, as asociacións de profesionais da agricultura, do artesanado ou do comercio, as asociacións de nais e pais do alumnado dos centros educativos e as asociacións veciñais do concello ou concellos implicados.

Esta mesa de concertación será a encargada de recoller as propostas dos seus integrantes e, se é o caso, de particulares, para coñecer as necesidades de horarios da cidadanía. Outro dos seus principais cometidos será o de vixiar o cumprimento dos compromisos asumidos sobre horarios da cidade, e dar conta cada ano das xestións realizadas ante o pleno de cada concello implicado no plan.

Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios da promoción autonómica de medidas municipais de conciliación os concellos, individualmente ou asociados entre eles. Non obstante, a xestión destas medidas poderase realizar de maneira directa ou a través de entidades públicas ou privadas, sempre que dispoñan de capacidade técnica para a súa execución.

No caso de que a xestión das medidas se realice a través de entidades privadas terán preferencia os concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.

Tipos de axudas de promoción autonómica

As medidas municipais de conciliación que cumpran os requisitos establecidos neste decreto, unha vez rexistradas, poderán ser susceptibles de acceder aos seguintes tipos de axudas que establecerá o departamento competente en materia de traballo:

a) Subvencións aos bancos de tempo para contratación de persoal xestor, adquisición e mantemento dos activos mobiliarios, coordinación e cooperación.

b) Contratación de persoal para facilitar o descanso a persoas con dependentes baixo o seu coidado.

c) Subvencións aos plans de programación do tempo da cidade para cubrir custos sociais do persoal propio, compensación da persoa responsable do plan, gastos das convocatorias da mesa de concertación e fondo de manobra para axudas directas aos suxeitos privados que asumiran compromisos sobre horarios da cidade.

d) Subvencións a outras actuacións que poidan ter a consideración de medidas municipais de conciliación, de acordo co decreto

Ademais, as contías que se recollan nas subvencións veranse incrementadas no caso de que o concello ou os concellos implanten un Plan Local de Conciliación, que é o conxunto coordinado de medidas adoptadas por un concello coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas traballadoras.

O asesoramento autonómico

A promoción autonómica comprende, ademais, o asesoramento aos concellos para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación. As solicitudes de asesoramento serán tramitadas pola unidade administrativa de igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, que convocará a persoa designada polo departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade para valoralo.

Para realizar estas funcións tamén se prevé a creación dunha comisión de expertos en conciliación. Tratarase dunha lista de persoas de recoñecido prestixio nos respectivos campos de coñecemento existentes en materia de igualdade, como a socioloxía, a economía, o dereito, a igualdade de oportunidades ou a comunicación social.

No hay comentarios: