



O “Forum Galego de Política Feminista” é unha asociación de mulleres feministas sen ánimo de lucro e de ámbito autónómico. Os principios que inspiran esta asociación susténtanse na necesidade de profundizar e aplicar os postulados feministas que tentan de acadar a igualdade de mulleres e homes en dereitos, en oportunidades reais no libre desenvolvemento persoal e social e no impulso da calidade de vida das mulleres.
PREMIO Á LEI DO TRABALLO EN IGUALDADE DAS MULLERES DE GALICIA. NORABOA Á CONSELLERÍA DE TRABALLO E A TÓDALAS MULLERES GALEGAS
Trátase dun texto legal que afronta a desigualdade da muller no ámbito laboral de forma estrutural, de tal maneira que establece medidas para favorecer o seu acceso ao emprego en condicións de igualdade, a través dun plan de emprego feminino; crea unha unidade administrativa sobre igualdade dentro do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo; fomenta a promoción profesional da muller a través do impulso de plans de igualdade nas empresas e coa creación da Marca Galega de Excelencia en Igualdade; establece canles de participación das asociacións de mulleres nas políticas laborais; articula o seguimento da negociación colectiva, para evitar cláusulas discriminatorias; ten en conta de forma específica as necesidades de formación das desempregadas, e concretamente as dos sectores agrogandeiro e pesqueiro; e tamén fai fincapé na necesidade de fomentar a corresponsabilidade nos eidos laboral, persoal e familiar, co apoio á vertebración de plans de programación de tempo e de bancos de tempo nos distintos municipios.